Santiago, 20 de marzo de 2009.- O dirixente socialista Manuel Vázquez compareceu esta mañá en rolda de prensa para facer pública súa posición con respecto ao proceso congresual que foi convocado polo Comité Nacional o PSdeG-PSOE o pasado sábado 14 de marzo. Dixo que “estamos nun momento bonito, complicado e á vez triste para o partido”
Vázquez lembrou que “nos Congresos do PSdeG quen fala e toma decisións son sempre as bases, non existindo ningunha posibilidade que non pase polo apoio maioritario e libre dos asistentes”, e que xa se están a celebrar ata o 29 de marzo as asembleas locais que elixirán cerca de 500 compromisarios, que van representar aos preto de 15.000 militantes que compoñen as 300 agrupacións locais do noso partido.
Vázquez explicou que a partir do próximo luns manterá contactos con militantes e agrupacións das catro provincias, “para pulsar os apoios para constituír unha executiva integradora, renovada, ilusionante, que represente o reforzamento do noso proxecto no único camiño de traballar para gobernar e consolidar o cambio en Galicia”, pero que non se trata “nin dun drama nin dun desafío persoal”.
“É o momento das bases e da militancia, é o momento do debate, das propostas, das ideas, de afondar nos nosos acertos e de correxir os nosos erros. O PSdeG vai a decidir o seu futuro el mesmo, sen tutelas nin presións, en total libertade. É o momento das opinións plurais e de facer un proxecto no que creamos todos e quepamos todos”, engadiu, e precisou que se atopa apoios na militancia presentará “un proxecto ilusionante para defender os intereses das galegas e dos galegos desde os nosos principios de socialdemocracia e galeguismo”.
Tamén salientou que “o PSdeG é a segunda forza política de Galicia, cun respaldo de máis de medio millón de galegos e galegas, con representación institucional en máis de cen concellos, 2 deputacións, o Goberno de España…. E se ben perdemos o Goberno de Galicia, aínda mantendo o noso respaldo electoral, temos claramente vocación maioritaria de goberno e gran fortaleza. Temos a vocación de representar a un mínimo do 40% da sociedade”. Vázquez dixo ademais que espera que os próximos catro anos sexan un paréntese e que “seguimos sendo a única alternativa real de goberno deste país”.
O deputado electo pola provincia de Ourense destacou así mesmo que “este partido está en plena fase de expansión. Os xóvenes teñen que ser arte sustantiva deste proxecto, e o debate, a análise e a innovación, unha das nosas constantes”.
En definitiva, Vázquez considera que “necesitamos un partido amplo, participativo, áxil na toma de decisións, innovador, permeable á sociedade, que a represente”, e que “a dirección ten que ser colexiada, participativa, áxil, con pensamento fresco, e con voces en tódolos estamentos da sociedade”.
Insistiu en que no partido “necesitamos a todos, cabemos todos e son necesarios moitos máis”, e que “probablemente falamos moito para quen non quería escoitarnos, e pouco para quen estaba esperando por nós”, pero que rematou o tempo “dos lamentos e das penas” e “comenzamos a traballar para ganar as eleccións dentro de catro anos”.
Por último, tivo tamén palabras de agradecemento para o Presidente Touriño, “pola súa xenerosidade e polos 10 anos máis importantes que viviu o PSdeG na súa historia. Este final non pode empañar unha traxectoria de ilusión e de traballo”.
Mensaxes ao PPdeG
Durante a rolda de prensa Vázquez avisou ao PP de que “a demagoxia, a mentira e a calumnia poden ser útiles en campaña electoral, pero non para gobernar Galicia, porque non llo imos consentir”.
“Non lle imos dar nin 100 días, nin 100 horas nin 100 minutos. Desde o minuto seguinte da toma de posesión vai ter unha oposición centrada en buscar a mellora da calidade de vida dos galegos, onde o goberno nos encontrará como aliados, e o control férreo da xestión e políticas do PP, onde non cederemos nin un metro nos logros acadados na última lexislatura”, dixo.
Ademais afirmou sentirse “profundamente orgulloso do seu traballo como Conselleiro de Medio Ambiente”, cos seus acertos e os seus erros, pero que hai que temer “aos que non se equivocan nunca”.
“En galicia hai máis ciadadáns que non votaron ao PP que cidadáns que sí votaron ao PP, e non se merecen que volvana ater un goberno do PP, que agora será un modelo opusiano”, dixo, polo que “toca tirar do carro”; “todo o que ata o 1 de marzo era culpa de Touriño, espero que non sexa a partir do un de abril culpa de Zapatero”, agregou, “será de Feijoo”. “Xa non valen nin sillas, nin ventanas, nin coches, nin contos... hai que traballar por este país”.